Historia do club

8/05/2015 Nebra CF 0 Comentarios

O Nebra Club de Fútbol, como tal foi fundado e federado para competicións oficias no verán de 1987, mais o seu xermolo viña de moitos anos atrás, non obtendo a categoría de club até que no Concello foron xurdindo máis equipos, motivo polo cal creouse unha liga de parroquias, resultando ser un dos equipos punteiros.

Daquela xogábanse maiormente amigables nas datas festivas das parroquias. En Nebra, os partidos disputábanse no campo que había en Salagoa ou no de Cans (campo de mellores condicións que sería absorbido por unha pista cando se construíu un restaurante na zona). Anos despois a Deputación da Coruña fixo un campo regulamentario na Eiriña (Resúa) que, sen chegar a ser estreado, outra administración (a Xunta de Galicia), levou por diante con motivo da concentración parcelaria.

O campo actual chámase "Campo do Prado", que naceu aproveitando uns terreos que preparara a comisión de festas do ano 1987, para xogar varios partidos amigables nas festas da Balbanera.

O grupo de afeccionados debutou en 2ª autonómica na temporada 87/88, xogando ese primeiro ano no Preguntoiro. Actualmente milita no grupo do Barbanza da 3ª autonómica. Dende hai uns anos, conta cunha categoría de xogadores veteranos, chegando, nos dous primeiros anos, a conseguir o ascenso á 1ª división da zona de Santiago. Actualmente, descenderon a 3ª división.

Chegou a ser un dos equipos con máis categorías do concello de Porto do Son: alevíns, cadetes, xuvenís, afeccionados e mesmo tomou iniciativa no concello cun equipo feminino, pero a falla de apoios económicos e o evidente desinterese das administracións, fixeron que o equipo feminino se escindise noutros clubs e o resto de categorías tamén foi fraqueando ante a marcha dos rapaces para equipos máis "punteiros" (na opinión dos proxenitores), e que contaban con máis apoios.